Xela Arias e as palabras é o título do proxecto didáctico co que o redondelán CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro resultou gañador, dentro da categoría de centros de Primaria, no Concurso-Exposición arredor da autora homenaxeada polas Letras Galegas 2021 que organizaba a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A comisión de valoración encargada de resolver a convocatoria salientou a “orixinalidade e creatividade, pola beleza estética e pola diversidade das técnicas empregadas na procura de difundir a vida e a obra de Xela Arias entre o público máis novo”.
Froito deste proxecto didáctico, o alumnado do centro elaborou 10 fermosos e orixinais carteis para difundir a vida, a obra e o traballo da poeta, editora e tradutora a prol da nosa lingua e a difusión da cultura.
Agora eses carteis podédelos ver no mellor sitio posible: na biblioteca que leva o nome da nosa querida autora, en Chapela.
Dende hoxe dánlle vida e embelecen a sala infantil da mesma.
Moitas grazas ao CEIP Porto Cabeiro e parabéns por ser merecedores dese premio! Grazas por darlle vida a Xela Arias coa vosa creatividade, e grazas por cedernos o voso traballo para a biblioteca.