Cultura
A área de Cultura do Concello de Redondela encárgase de organizar e contratar as actuacións culturais do municipio e dinamizar os grupos e actividades da zona.
Contacta
- 986 400 300
- cultura@redondela.gal
- ritaperez@redondela.gal
- Rúa Alfonso XII, 2, 36800 Redondela, Pontevedra
- Responsable María Rita Pérez Táboas
- Martes e Xoves de 9:30 a 13:30 h.
- Novas
- Axenda
- Descargas
Alumnado dos colexios e institutos de Redondela está a visitar este mes a nova exposición do pintor e restaurador local Ángel Barros. A mostra, titulada “A luz da arte en tempos de xenocidio”, ofrece unha mirada crítica do presente marcado pola guerra e as súas consecuencias. O propio Barros, a piques de cumprir 90 anos, exerce de guía para alumnos e alumnas. Esta mañá foi a quenda do IES Mendiño. Na visita, á que tamén asistiu a alcaldesa Digna Rivas, o artista redondelán explicoulle á rapazada a historia da súa obra. Faloulle das técnicas que emprega e da súa experiencia como restaurador no museo do Louvre, entre outros traballos. O veterano pintor deulles tamén “consellos de vida”. Lembroulles que o que hoxe está a pasar en Gaza xa pasou antes noutros lugares, “sufrímolo aquí co golpe militar de 1936 e en tantos outros lugares onde os poderosos queren oprimir aos máis débiles”. Barros fíxolle tamén unha petición á mocidade, que non se “achiquen” ante as inxustizas e que defendan sempre “a dignidade e a igualdade de todas as persoas”.
A mostra estará aberta no Multiúsos da Xunqueira ata final de mes. Rivas fixo un chamamento aos centros de ensino, colectivos e cidadanía en xeral para que non deixe pasar a oportunidade de visitar esta excelente exposición con grandes obras de Ángel Barros.

A Biblioteca Municipal de Chapela cumpre neste 2025 dúas décadas de historia, e ao longo destes anos converteuse nun importante centro de encontro na parroquia. O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, polo que a Biblioteca Xela Arias traslada a esa data a conmemoración do seu XX aniversario. Será cunha actividade moi especial, un concerto dos Carunchos. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, presentaron este concerto con Juan Álvarez, compoñente do grupo, e María José Villar, responsable da biblioteca. Esta cita musical ten tamén moito de literaria, xa que se presentará o libro-disco dos Carunchos, homenaxe ao poeta Manuel María: “Unha gorxa chea de paxaros”. Será ás 20:00 horas no auditorio do Piñeiral do Crego con entrada de balde.
Dúas décadas facendo comunidade
Nestes vinte anos de traxectoria, o número de usuarios e usuarias da biblioteca foi medrando e as actividades diversificándose. Realízanse programas de promoción da lectura, presentación de libros, contactos, actividades artísticas e colaboracións cos centros de ensino da parroquia, asociacións e colectivos. A biblioteca alberga 17.000 volumes, entre libros e material audiovisual, e suma case 2.500 usuarios. Conta cun Club de Lectura de adultos e este ano como novidade púxose en marcha un Club infantil de Arte. A biblioteca desenvolve tamén actividades onde o protagonismo é da veciñanza. Ciclos como “Aquí si hai quen escriba”, para dar a coñecer a creación artística das persoas usuarias; “Contos da veciñanza”, para que familias da contorna se animen a facer de contacontos para a rapazada, ou o “Reto RadioLector”, con recomendacións de lecturas na Radio Municipal de Redondela, son algúns exemplos.

– A XII Conmemoración da Batalla de Rande celebrarase os días 11 de outubro na vila de Redondela cun desfile e o 18 e 19 na contorna do museo Meirande. A cita, que recrea a batalla naval de 1702, contará cun mercado tradicional, obradoiros de oficios antigos, concentración de embarcacións tradicionais e recreacións teatrais.
– A alcaldesa Digna Rivas, veciña da parroquia, agradeceu “o gran traballo da ACD Rande nesta conmemoración xunto coa veciñanza e persoas voluntarias”. Rivas salientou tamén “a excelente posta en escena” da directora teatral Mónica Sueiro, na que participan actores profesionais e unha vintena de veciños e veciñas afeccionados.
Un ano máis Rande revive unha das batallas navais máis importantes da historia, a que enfrontou en 1702 as tropas angloholandesas e hispanofrancesas na ría de Vigo. A XII Conmemoración da Batalla de Rande celebrarase os días 11 de outubro na vila de Redondela e o 18 e 19 en Rande. O exterior do museo Meirande acolleu onte a presentación desta festa, que une cultura, historia e tradición. O presidente da asociación, Pedro Otero, presentou o acto no que participaron Carmen Pita, directora de Promoción de la Axencia de Turismo de Galicia, Jorge Cubela, responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, a alcaldesa Digna Rivas, e a concelleira de Cultura Rita Pérez Táboas.
Como alcaldesa e como veciña da parroquia, Rivas, agradeceu “o gran traballo da ACD Rande, que ao longo de todo o ano prepara esta conmemoración xunto coa veciñanza e persoas voluntarias”. Rivas salientou tamén da “excelente posta en escena” da directora teatral Mónica Sueiro, que un ano máis se encarga das representacións con actores profesionais e unha vintena de veciños e veciñas afeccionados.
A rexedora local lembrou que este episodio histórico fixo da nosa ría un lugar coñecido no mundo enteiro, “que lembra a forza, a resistencia e a identidade da xente desta terra”. Esta festa é unha das representacións históricas máis importantes do sur da provincia.
O sábado día 11 celebrarase o desfile polas rúas do centro da vila ás 18.30 da tarde, que rematará na praza da Torre. O día 18 haberá actividades ao longo de todo o día na contorna do museo Meirande con mercado tradicional, obradoiros de oficios como olaría ou acuñado de moedas, concentración de embarcacións tradicionais e representacións teatrais. Sueiro explicou que haberá “petiscos teatrais” fieis á historia da batalla de Rande e que recrearán tamén escenas cotiás da época. O domingo, tamén na contorna do Meirande, repetirase o mercado, os obradoiros e as representacións teatrais, coa última función ás 13.30 horas.
A alcaldesa convidou a toda a xente de Redondela e bisbarra a achegarse a esta celebración, á que o Concello destina este ano unha subvención de 22.000 “o que constata o compromiso do Concello con Rande, coa súa historia e a súa xente”.

Redondela, Pontevedra 36800 Spain

Redondela, Pontevedra 36800 España

Programa das Festas da Coca 2025
- 1
- 2
