Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Urbanismo

A Área de Urbanismo do Concello de Redondela encárgase da actuación urbanística, incluíndo a planificación, as licenzas, as disciplinas urbanísticas, a conservación de edificios, os proxectos e as obras municipais.

Contacta

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Redondela está na recta final da súa exposición pública. O prazo, que comezou hai tres meses, remata hoxe, 21 de xuño. A oficina técnica de información atendeu a 1.416 veciños e veciñas que puideron facer as súas consultas e recibir asesoramento. 

O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, sinala que o Plan Xeral de Ordenación Municipal é un documento moi complexo, por iso desde o goberno local fíxose un gran esforzo “para poñer a disposición da veciñanza todos os recursos posibles e que coñezan o plan, que teñan toda a información e poidan facer as súas alegacións”.  Co obxectivo de mellorar a información á veciñanza, desde o actual goberno de Digna Rivas “ampliamos a tres meses o prazo de exposición pública que é o máximo que nos permite a Lei do Solo de Galicia, e fixemos un novo contrato para atender ao público na oficina técnica todos os días da semana”.

Outra mellora foi a contratación dun visor dixital na páxina web do Concello, onde se poden buscar as parcelas de todo o municipio “dun xeito cómodo e cun funcionamento sinxelo e intuitivo”. Cumprindo co compromiso da alcaldesa, Digna Rivas, tamén se realizaron reunións informativas en todas as parroquias, “para informar aos veciños de como o PXOM afecta a cada parroquia”.

Por outra banda, Cabaleiro sinala que o goberno local e el mesmo como edil de Urbanismo reuníronse con todos os colectivos e asociacións que así llo solicitaron.

Solo Industrial

O edil de Urbanismo explica que o planeamento urbanístico está condicionado ás directrices que establece a Xunta de Galicia na Lei do Solo. Tamén as propias características do municipio limitan o uso do territorio. Redondela presenta un orografía moi irregular, con alternancia de elevacións e depresións do terreo, “o que condiciona o seu desenvolvemento”. Outra particularidade de Redondela é que ten afeccións de numerosas infraestruturas: a Autoestrada do Atlántico (AP-9), as estradas N-550, N-552 e N-555, o aeroporto de Peinador e as liñas de ferrocarril. Todos estes condicionantes “cunha orografía complexa e as afeccións de múltiples infraestruturas impiden establecer grandes áreas industriais no municipio”, conclúe Antonio Cabaleiro.

O Xulgado do Contencioso 1 de Vigo ditou sentenza firme pola que se rexeita a demanda de Investimentos Intermundial SL contra o Concello polo vial de acceso ao aparcadoiro de Vilavella. Trátase da rampla que permite a entrada desde a rúa do Muro, un espazo do que a empresa reclamaba a titularidade. A sentenza desestima a demanda de Investimentos Intermundial SL e confirma que o Concello actuou en base ás informacións do Catastro, que establecen que “este vial é público tal como consta no Inventario Municipal de bens”. A sentenza, que non é apelable, sinala que toda a documentación e as declaracións de testemuñas reforzan a postura municipal, que defendía este viario como de titularidade pública.

A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción por esta sentenza “que dá a razón ao Concello e establece que este acceso ao aparcadoiro é público, propiedade municipal, e polo tanto patrimonio de todos os veciños e veciñas”. A rexedora sinala que, malia que no seu momento se puxo en dúbida publicamente a viabilidade do aparcadoiro, o xuíz vén a dar a razón ao goberno local, que sempre mantivo “que o proxecto era correcto e que este vial de acceso é público”, como agora recoñece esta sentenza.

O aparcadoiro disuasorio de Vilavella foi un dos grandes proxectos do goberno de Digna Rivas e completa a transformación da entrada a Redondela, xunto a remodelada praza de Ponteareas. Dotar a zona dun novo estacionamento repercute tamén de xeito positivo no resto da vila ao reducir a cantidade de vehículos que transitan polo núcleo urbano. O derrube da nave que se situaba na parcela e a creación do aparcadoiro pon en valor o convento, elimina barreiras arquitectónicas e mellora a relación do espazo co río Maceiras. O estacionamento disuasorio, que conta cunha superficie de 3.896 m², ofrece 110 prazas para coches, así como prazas de motos e bicicletas.

O Concello de Redondela renova o espazo situado entre as avenidas Mendiño e Santa Mariña, un paso peonil moi transitado que mellora a mobilidade e accesibilidade para toda a cidadanía. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se instalou mobiliario urbano “para facer deste novo espazo público un lugar amable e acolledor para a veciñanza, e non só unha zona de tránsito”. De cara ao verán, nunha segunda fase, mellorarase con instalacións de lecer para a rapazada. A zona coñecida como a explanada das casas dos Mestres en Redondela, situada entre a Avenida Mendiño e a Avenida Santa Mariña (N-550), estrea nova imaxe. Este espazo, a carón do Conservatorio Municipal, acaba de ser acondicionado para crear unha nova praza pública. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se trata dun enclave “moi transitado, xa que é empregado a diario por centos de escolares e as súas familias, que utilizan este paso peonil entre a avenida Mendiño e Santa Mariña no horario de entrada e saída dos colexios e institutos, así como polo alumando do conservatorio”. O obxectivo da concellería de Urbanismo, que dirixe Antonio Cabaleiro, era dotar a este espazo dun novo firme e mellorar a drenaxe da auga da chuvia “para facilitar a mobilidade da cidadanía e facelo máis accesible”, explica Cabaleiro. Na explanada, que ten unha superficie aproximada de 500 metros cadrados, colocouse nova tubaxe, reixas, e estendeuse unha soleira de formigón. A obra, con cargo ao Plan Concellos da Deputación, contou cun orzamento de 22.400 euros. O Concello de Redondela, desde a concellería de Parques e Xardíns, completou a reforma coa instalación de mobiliario urbano con bancos e xardineiras “para facer deste novo espazo público un lugar amable e acolledor para a veciñanza, e non só un lugar de tránsito”, sinala Rivas.

A alcaldesa, que visitou esta mañá a obra rematada co concelleiro de Parques e Xardíns, Pedro Villaverde, anunciou que agora estudan poñer en marcha unha segunda fase nesta explanada de cara ao verán. Os técnicos do Concello xa están a estudar o proxecto para dotar a praza de novas instalacións de lecer para a rapazada.

Urbanismo

Planificación e Desenvolvemento Urbano

De interese...

TRÁMITES

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

ORDENANZAS E REGULAMENTOS

PXOM

Compartir