Elisa Arias, directora do Conservatorio Municipal de Redondela, foi elixida Coordinadora de Galicia da Rede de Escolas da UNESCO, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura. O CMUS Víctor Ureña de Redondela forma parte desta rede desde o ano 2019, sendo o único conservatorio municipal de Galicia que participa nesta iniciativa de Nacións Unidas.
A Rede de Escolas Asociadas da UNESCO é unha comunidade educativa de máis de 12.000 escolas repartidas polos cinco continentes. O colectivo acolle centros de diferentes niveis de ensino, tanto escolas de Infantil, Primaria e Secundaria, como de Bacharelato, Formación Profesional, Conservatorios de Música, aulas de Cetros Penitenciarios ou Facultades de Ciencias da Educación, entre outras. En España hai actualmente 260 escolas adheridas a esta rede, 17 delas en Galicia.
Todas as Escolas da Rede promoven os valores da UNESCO e da Carta das Nacións Unidas: os dereitos fundamentais e a dignidade humana, a paz, a igualdade de xénero, o progreso social, a liberdade, a xustiza e a democracia, o respecto pola diversidade e a cooperación e solidariedade internacionais.
A asemblea das escolas da UNESCO de Galicia, que elixiu a Elisa Arias como coordinadora por unanimidade, considerou que a directora do conservatorio redondelán tiña “o perfil idóneo” para dirixir as escolas galegas. A asemblea valorou a súa dilatada experiencia na xestión de centros, a súa colaboración en todas as iniciativas propostas na folla de ruta anual da Rede de Escolas e o seu papel como coordinadora en obradoiros de música. Resalta tamén desde a asemblea galega as súas cualidades humanas, como “traballadora incansable, creativa, implicada e defensora da igualdade”.
Luisa Márquez, coordinadora estatal da Rede de Escolas da UNESCO, salientou o tamén “o gran traballo” de Elisa Arias desde o conservatorio de Redondela coa composición do himno que acompaña ao proxecto “Desplastifícate” e a implicación da súa banda de saxos na difusión do tema “Camiños de ida e volta” creado por José Pérez Arias.
Desde o Concello de Redondela, o concelleiro de Ensino Iván Valles, felicitou a Arias por esta designación que supón “un orgullo para toda a cidadanía de Redondela”.