Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Medio Ambiente

A área de Medio Ambiente do Concello de Redondela encárgase de xestionar a infraestrutura verde municipal e a protección e conservación do medio ambiente urbano.

Contacta

– Entre os residuos que atoparon no areal había moitos envases de plástico de todos os tamaños, vasos, tapóns, botellas, material de pesca, vidro, toalliñas e outros produtos de hixiene, ademais dunha lámpada de gran tamaño.
– O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, e o de Ensino, Iván Valles, acompañaron nesta xornada aos rapaces e rapazas. Villar explicoulles a orixe de moitos destes residuos, “que acaban nas praias porque alguén non fixo unha xestión correcta dese obxecto”.

Redondela participou na XIII Limpeza Simultánea de Praias promovida por Adega. Foi na xornada de onte co alumnado do IES Mendiño e a colaboración do Concello de Redondela, que achegou material para a limpeza e xestionou a recollida dos residuos. Máis de 80 alumnos de 3º e 4º da ESO xunto co seu profesorado percorreron esta mañá a praia da Punta, en Cesantes, para recoller lixo. Entre os residuos que atoparon no areal había moitos envases de plástico de todos os tamaños, vasos, tapóns, botellas, material de pesca, vidro, toalliñas e outros produtos de hixiene como compresas e aplicadores de tampóns, e ata uha lámpada de gran tamaño. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, e o de Ensino, Iván Valles, acompañaron nesta xornada aos rapaces e rapazas. Villar explicoulles a orixe de moitos destes residuos, “que acaban nas praias porque alguén non fixo unha xestión correcta dese obxecto”. Nalgúns casos os restos proceden da actividade pesqueira, restos de aparellos ou elementos que se desprenden das bateas. En moitas ocasións son residuos domésticos que acaban nos ríos e no mar “porque en lugar de botalos no colector do lixo, a xente tíraos polo inodoro”. O edil advertiu tamén que o lixo que botamos no chan pode acabar no mar “ao caer polos sumidoiros de augas pluviais, ou ben porque vai parar aos ríos”. Despois son as correntes mariñas as que se encargar de arrastrar todo ese lixo ata as praias. O responsable de Sostibilidade lembroulle á rapazada “a importancia de depositar todo o refugallo nos colectores correspondentes, e non deixalo nunca no medio natural”.

Tanto Roberto Villar como Iván Valles agradeceron ao alumnado e aos docentes a súa participación nesta actividade. Desde o Concello aplauden tamén que a xornada de educación ambiental fora totalmente sostible, xa que todo o grupo se desprazou desde o IES Mendiño ata a praia a pé.

– Coa renovación das lámpadas nas instalacións deportivas o Concello aforrará unha media de 15.000 euros ao ano na factura eléctrica. Este plan de eficiencia enerxética supón tamén unha importante redución da contaminación, xa que rebaixa a emisión a atmosfera de 11,5 toneladas de CO2 anualmente.
– O Concello de Redondela traballa tamén na modernización da iluminación pública. Ata o de agora substituíronse 1.700 farois en camiños de todas as parroquias, e o obxectivo é continuar paulatinamente coa renovación de todas as instalacións do alumeado público.

O Concello de Redondela renovou o sistema de iluminación nas instalacións deportivas. O cambio de lámpadas convencionais por tecnoloxía led realizouse xa nos cinco pavillóns municipais: o de Redondela (Bomboneira), a Marisma, Manuel González Soto de Chapela, Reboreda e Porto Cabeiro. O concelleiro de Deportes, Iván Valles, explica que esta renovación supón un importante aforro enerxético, ao redor dun 40%, o que supón unha rebaixa na factura eléctrica de preto dun 50%, “xa que ademais de reducirse o consumo de enerxía tamén baixa a potencia contratada e o IVE correspondente en cada factura”. Este plan para a mellora da eficiencia enerxética nos pavillóns fíxose gradualmente nos últimos dous anos. No caso do pavillón municipal da Bomboneira o aforro total no ano 2023 foi de 2.959 euros. No González Soto de Chapela o cambio a tecnoloxía led fíxose en febreiro deste ano, “ e o aforro total en tan só seis meses foi de 2.185 euros”. O servizo municipal de electricistas estima que, no conxunto dos cinco pavillóns, o Concello aforrará unha media de 15.000 euros ao ano na factura. Valles agradeceu a colaboración da concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, xa que foron os operarios deste departamento os que fixeron a substitución das lámpadas. “Deste xeito o aforro para o Concello é aínda maior, ao non ter que contratar a unha empresa para facer as instalacións.”

Roberto Villar explica que, “ademais do aforro económico, este plan de eficiencia enerxética supón tamén unha importante redución do nivel de contaminación”. Co cambio de lámpadas convencionais a led “deixamos de emitir á atmosfera uns 2.300 quilos de CO2 ao ano en cada un dos pavillóns, en total 11,5 toneladas menos de CO2, o que tamén é fundamental para un desenvolvemento máis sostible”. Neste sentido incide tamén a alcaldesa, Digna Rivas, quen sinala que “as administracións públicas temos que dar exemplo no camiño cara á transición ecolóxica, ao tempo que facemos un uso máis eficiente dos recursos”.

Renovación da iluminación pública

O Concello de Redondela traballa tamén na modernización da iluminación pública. Ata o de agora substituíronse 1.700 farois en camiños de todas as parroquias, “e o obxectivo é continuar paulatinamente coa renovación de todas as instalacións do alumeado público”, explica Villar. O traballo foi realizado tamén polos operarios municipais da concellería de Infraestruturas e Sostibilidade. O aforro de enerxía co cambio da lámpada convencional de vapor de sodio a unha led é aproximadamente dun 40%, “o que supón pasar dun consumo de 85.000 quilowatts cos farois antigos a 51.000 quilowatts actualmente”, sinala o edil.

Alumnado do instituto Illa de San Simón e voluntarios do Programa de Voluntariado do Concello sumáronse á limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). O Concello colaborou co material necesario para a recollida dos residuos e a súa posterior retirada. A concelleira de Medio Ambiente, Pilar Martínez, sinala que estas xornadas buscan concienciar sobre a necesidade de manter limpos de residuos os cursos fluviais. O río escollido nesta ocasión foi o Maceiras, ao longo do paseo fluvial que é moi empregado pola veciñanza. A xornada de limpeza realizouse o venres, e nunhas poucas horas voluntarios e escolares retiraron 200 quilos de lixo, con moitos restos de entullo, téxtil, tanto roupa como calzado, e tamén plásticos. Pilar Martínez sinalou que todo este lixo foi recollido só nun tramo do Maceiras, “o que lamentablemente quere dicir que son moitos os residuos que chegan ás canles dos ríos, e resulta sorprendente todo o que a xente tira nos espazos naturais”. A parte positiva de campañas como esta é ver “o compromiso da mocidade e do voluntariado coa protección do medio ambiente” .

Desde o Concello animan a toda a veciñanza a participar en labores de voluntariado ambiental. Pilar Martínez avanza que ao longo do curso seguirán realizando campañas de limpeza e educación ambiental co alumnado dos centros de ensino do municipio.

There is no Event

Medio Ambiente

Analíticas

Axenda 21 - Redondela

A Axenda 21 é un plan de acción das Nacións Unidas para un desenvolvemento sustentable no século XXI, aprobado por 173 gobernos na Conferencia sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento que tivo lugar en Río de Janeiro en 1992.

A Axenda Local 21 é un proceso a implantar e desenvolver polas Entidades Locais que se basea na integración das políticas ambientais, económicas e sociais do concello a través da elaboración e aplicación dun Plan de Acción Local.

Sumarse a esta iniciativa supón, xa que logo, o compromiso municipal de estimular o desenvolvemento de medidas encamiñadas a facer compatibles a conservación do medio co desenvolvemento social e económico do propio concello. Supón ademais facelo dun xeito estruturado e planificado o que implica unha actuación transversal coa participación da totalidade das áreas da Administración local.

A Axenda 21 Local é un proceso aberto e creativo que cada concello define baseándose na súa realidade e nos seus condicionantes.

ACCESO LIÑA VERDE

De interese...

DUBIDAS SOBRE A RECICLAXE?

INFORMACIÓN SOBRE PUNTOS LIMPOS

MAPA DAS FONTES E LAVADOIROS DO CONCELLO DE REDONDELA

CALENDARIO PUNTO LIMPO PARROQUIAS

Compartir