Concello de Redondela

Busca
Pechar esta caixa de busca.
Busca
Pechar esta caixa de busca.

Os clubs deportivos deseñarán a campaña contra a violencia de xénero nos pavillóns

As concellerías de Deportes e Igualdade convidan aos clubs a propoñer un lema respondendo á pregunta “E ti, por que loitas?” dentro do contexto da igualdade e a loita contra a violencia machista no deporte.

Os equipos teñen ata o 10 de maio para facer as súas propostas, e será a veciñanza a que elixa o lema cunha votación popular desde a web do Concello www.redondela.gal. A votación realizarase do 13 ao 15 de maio. A proposta gañadora será revelada o 17 de maio e plasmarase nun deseño gráfico que vestirá os pavillóns municipais de Redondela e A Marisma.

Dende as concellerías de Igualdade e Deportes de Redondela convidan aos clubs que adestran nos pavillóns municipais a participar nunha campaña de de igualdade no deporte baixo o lema «E ti, por que loitas?». Desde o o goberno local pretenden así “dar voz, espazo e proxección ás inquedanzas das persoas deportistas de Redondela” sinala Iván Valles, concelleiro de Deportes. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, advirte que o papel da muller no deporte “é unha carreira repleta de obstáculos e inxustizas». Os tempos están a cambiar, «e queremos crear para a nosa cidadanía un espazo no cal poidan expresarse alto e claro”.

A proposta que fan desde o Concello consiste en que cada club ou equipo achegue un lema respondendo á pregunta “E ti, por que loitas?” dentro do contexto da igualdade e a loita contra a violencia machista no deporte. Deste xeito pretenden “xerar a posta en común dos equipos, espertar pensamentos, reflexionar e reforzar aínda máis a conciencia de equipo e a loita colectiva por un obxectivo común”.

Os clubs teñen de prazo ata o 10 de maio para facer as súas propostas, e será a veciñanza a que elixa o lema a través dunha votación popular desde a web do Concello Redondela.gal. A votación realizarase do 13 ao 15 de maio. A proposta gañadora será revelada o 17 de maio, día das Letras Galegas, e plasmarase nun deseño gráfico que vestirá os pavillóns municipais de Redondela e A Marisma.

O concelleiro Iván Valles avanzou que esta campaña levarase tamén a outras instalacións deportivas do municipio, e animan aos clubs e a todos os deportistas a participar “para poñer o foco nas desigualdades que aínda existen e loitar espazos igualitarios e de corresponsabilidade no deporte”.

A campaña está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Compartir