O proceso será simplificado ao cuantificar as tarifas en función dos parámetros de superficie e potencia dos establecementos en lugar de en función do Imposto sobre Actividades Económicas.
A pandemia da COVID-19, que segundo os expertos viu para quedarse, fai preciso que os Concellos reformulen determinadas ordenanzas de cara a incentivar a actividade económica. Dentro desa liña de actuación o Goberno local de Redondela levará a Pleno unha proposta da Concellería de Economía e Facenda para modificar a ordenanza fiscal que regula a taxa por licenza de apertura de establecementos.
Na actual ordenanza, o sistema básico de tributación era fixado en función das tarifas do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e o que o Goberno que preside Digna Rivas busca con esta modificación, é cuantificar as tarifas en función aos parámetros de superficie e potencia dos establecementos.
Para a concellería de Economía e Facenda, con esta modificación “simplifícase a xestión do imposto, gravándose cun importe maior as actividades que, pola súa magnitude, supoñen unha maior carga de traballo para os servizos urbanísticos” polo que o cambio na ordenanza suporá unha diminución substancial da taxa da maior parte das actividades –máis dun 90 %– e que para o Concello “eran moi elevadas e que non se axustaban a esta nova situación”.
A modificación da ordenanza permitirá que os poucos establecementos que, por diversas circunstancias non o tiñan feito, poidan regularizar a súa actual situación obtendo o correspondente título habilitante para exercer a súa actividade. Ao mesmo tempo, e con este cambio, Redondela equipararase a outros moitos concellos que xa utilizan este baremo para o cobro de dita taxa.
Compre lembrar que no marco das medidas adoptadas a fin de minimizar o impacto da crise orixinada pola COVID-19, o Concello de Redondela xa tiña modificado outras ordenanzas como a de fraccionamento de pago de taxas e impostos ou a derogación, durante todo este ano 2021, da taxa sobre as terrazas dos establecementos hostaleiros.
A modificación da ordenanza supón, polo tanto, “un xeito de adaptarse á nova realidade marcada pola pandemia e, a través destas iniciativas, axudar á reactivación do comercio e economía local, adaptando ás ordenanzas á nova situación e buscando que ditas modificacións supoñan o maior beneficio posible para a cidadanía”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas.