Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Redondela recupera 40 bancos para darlles unha nova vida

A concellería de Parques e Xardíns, que dirixe Pedro Villaverde, rehabilitou 40 bancos de madeira para darlles un novo uso. Este mobiliario urbano, que estaba deteriorado e que fora retirado de diferentes espazos públicos, poderán agora ter unha segunda vida. Uns 15 bancos dos que foron restaurados están xa instalados en diferentes lugares do municipio como a Picota, a praza de Lenda, Saxamonde, Cabeiro, Vilar, Quintela, e tamén en diferentes tramos do Camiño de Santiago e doutras sendas transitadas pola veciñanza. Os demais asentos iranse instalando en zonas verdes, prazas e espazos públicos repartidos polas parroquias. Villaverde explica que o obxectivo destes traballos de restauración é o de “darlle utilidade a uns bancos públicos que xa non estaban en uso, e facilitar que moitos barrios e zonas de tránsito poidan ter un lugar cómodo onde descansar e reunirse a veciñanza”. No Camiño de Santiago ao seu paso por Redondela, tanto a ruta portuguesa tradicional como a da costa, instalaranse algúns destes asentos “para que os peregrinos e sendeiristas teñan tamén un lugar cómodo onde descansar ao longo do seu percorrido”.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a recuperación destes bancos supón un dobre aforro, xa que “a súa rehabilitación é moito máis económica que mercar asentos novos, e ao mesmo tempo reducimos os residuos ao reciclar este mobiliario público”.

Compartir