Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Redondela renova medio cento de marquesiñas con paneis sobre igualdade, patrimonio e medio ambiente

A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, en colaboración coas de Igualdade e Cultura, está a renovar e mellorar medio cento de marquesiñas do municipio, a maioría delas nas parroquias. Operarios municipais están a limpar e pintar estas paradas de autobús, que se embelecen con paneis informativos sobre diferentes temáticas. Trátase de carteis en diferentes soportes sobre igualdade, patrimonio, cultura e medio ambiente, entre outros temas. Son paneis propiedade do Concello, de anteriores campañas dos departamentos de Igualdade, Cultura e Medio Ambiente, e que se atopaban nos almacéns municipais. O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, explica que “os carteis corresponden a diferentes épocas, desde os últimos 20 anos, aos que agora damos unha segunda vida e ofrecemos información interesante á veciñanza ao tempo que decoramos as marquesiñas”. Campañas sobre o 8M, personaxes ilustres de Redondela, artistas locais ou paneis con información medioambiental decoran agora estas renovadas marquesiñas.

Evitar o vandalismo

Villar agarda que, con esta nova decoración, se eviten as pintadas e o vandalismo que estraga as paradas de autobús, aínda que recoñece que “non será doado” . Por iso fai un chamamento á cidadanía para que evite publicar nas redes sociais fotografías con graffitis e outro tipo de actos vandálicos “porque xeran un efecto chamada”. Advirte que “o que buscan os autores deste tipo de estrados é protagonismo, e o feito de que se difundan contribúe a que o vandalismo se incremente”. Lembra que as pintadas e outras desfeitas no mobiliario urbano “supoñen para as arcas municipais un gasto de milleiros de euros cada ano”. O edil de Infraestruturas e Sostibilidade lamenta tamén que desde o PP de Redondela “se faga difusión do vandalismo, publicando continuamente nas rúas redes estes actos incívicos sen condenalos, e dándolle publicidade, que é o que buscan os autores”.

Novas marquesiñas na avenida de Redondela

Por outra banda, en toda a avenida de Redondela, en Chapela, substituiranse todas as marquesiñas por unhas novas. As instalacións das paradas do autobús cambiaranse o próximo trimestre.

Compartir