– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que segundo recolle a Lei de Memoria Democrática, poden optar a esta declaración espazos onde se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica, vinculados á memoria democrática, así como lugares relacionados coa represión como consecuencia do golpe de estado de 1936, a Guerra ou a Ditadura. A illa de San Simón, que entre 1936 e 1943 acolleu un dos maiores campos de concentración e de exterminio do franquismo, “cumpre sobradamente con estes criterios”.
O Concello de Redondela acaba de solicitar ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática a declaración da Illa de San Simón como Lugar de Memoria Democrática. A Xunta de Goberno Local acordouno por unanimidade en base ao establecido nos artigos 49 e 50 da Lei 20/2022 do 19 de outubro, de memoria democrática.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que segundo recolle a Lei de Memoria Democrática, poderá optar a esta declaración aquel “espazo, inmoble, paraxe ou patrimonio cultural inmaterial ou intanxible no que se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva, vinculados á memoria democrática, (…), así como coa represión e violencia sobre a poboación como consecuencia da resistencia ao golpe de estado de xullo de 1936, a Guerra, a Ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e profundización dos valores democráticos”. A illa de San Simón, que entre 1936 e 1943 acolleu un dos maiores campos de concentración e de exterminio do franquismo, “cumpre sobradamente con estes criterios”.
A Lei de Memoria Democrática establece a creación dun inventario con todos os lugares que conten con esta declaración para dalos a coñecer. Ademais, establécese que as administracións públicas que sexan titulares de bens declarados “Lugares de Memoria Democrática” estarán obrigadas a garantir a súa perdurabilidade, identificación, explicación e sinalización adecuada. No caso de que a illa de San Simón fose declarada “Lugar de Memoria Democrática” a Administración Xeral do Estado impulsará a realización de recursos audiovisuais e dixitais explicativos sobre a historia da illa, así como a sinalización dun punto de recoñecemento das vítimas.
Desde o Concello de Redondela realízase esta petición ante o ministerio que dirixe Ángel Víctor Torres logo de reunirse o pasado mes con responsables da Iniciativa Galega pola Memoria. Na xuntanza abordaron diversos aspectos sobre as necesidades e os usos da illa de San Simón. Tanto o goberno local como os colectivos de memoria coinciden na necesidade de protexer a illa para evitar que se realicen nela actividades lucrativas “que supoñen unha ofensa para a memoria das vítimas”. Tamén este outono o Concello organizou na illa, xunto ao Consello da Cultura Galega, as Xornadas «A xestión dos lugares de memoria da represión franquista» .