A estrutura de rúas e prazas da zona vella responde á primitiva planimetría medieval.
Por unha banda estaba a vila cercada (estivo polo menos dende o século XIV) á que se accedía por varias portas e portillos. Desa muralla tan só quedan restos ao redor da igrexa de Santiago.
Pola outra, o barrio mariñeiro, extra muros e desenvolvido a partir do pequeno porto de marea e do roteiro xacobeo. Aínda hoxe na toponimia local quedan testemuños dese pasado vinculado ao mar: a Rúa dás Regateiras, o Cabo dos Fumeiros, o Campo das Redes, Ribeira… Estendíase dende a “Porta da Vila” ata Santa Mariña. Chegaba ata o alto da Esfarrapada, onde había unha capela adicada ao Espírito Santo. Baixaba ata a zona da ribeira e de alí ao estaleiro, hoxe Praza da Constitución.
As casas mariñeiras, cos seus tellados a dúas augas, os seus muros encalados e os apeiros de pesca na porta, repartíanse o espazo entre hórreos para gardar as colleitas, e algunha casa nobre como a dos Sotomayor no Cabo dos Fumeiros.
John O’ Dogherty, nobre irlandés considerado un dos heroes da Guerra de Independencia, viviu e morreu no século XIX na Rúa Loureiro. Noutro tempo estivo neste barrio a Casa do Concello.