As empresas de prazo ata o 12 de setembro para presentar as ofertas para unha obra “que poñerá ao servizo da veciñanza un inmoble que, durante décadas, permaneceu no máis absoluto dos abandonos”, afirma a alcaldesa Digna Rivas.
O Concello de Redondela ten aberto o proceso de licitación das obras de remodelación e transformación das coñecidas como vivendas dos mestres nun espazo cultural polivalente e un museo etnográfico. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 12 de setembro.
Con este proceso de licitación, di a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “o Goberno local mantén a súa política de poñer ao servizo da cidadanía, para o seu uso e desfrute, todos cantos espazos públicos e inmobles podan ser recuperados e aproveitados”.
Cómpre lembrar que o Goberno redondelán iniciaba a comezos do 2021 o proceso para que o edificio, desafectado dende o ano 2006 e que dende entón pertencía ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, pasase a ser de titularidade municipal, proceso que culminaba o 8 de xullo desde mesmo ano coa sinatura da acta pola que o Ministerio cedía ao Concello, de xeito totalmente gratuíto, o edificio coñecido como "as antigas vivendas dos mestres", inmoble que pasaba a formar parte do inventario municipal.
Agora, con todos os trámites previos realizados –cesión da edificación ao Concello, memoria explicativa dos fins aos que se vai dedicar o inmoble e o cambio de uso da parcela– o Goberno socialista que preside Digna Rivas abre o proceso de licitación da obra que recuperará as antigas vivendas dos mestres nun espazo cultural polivalente “dando resposta a unha reivindicación histórica dos colectivos culturais para que, unha parte do inmoble, sexa dedicado a museo etnográfico”, explica Digna Rivas quen engade que Redondela, como cuarto municipio da provincia, “non pode permitir que toda a súa cultura e coñecemento popular caian no esquecemento e se perdan no tempo por non dispor dun espazo axeitado”.
Así pois, a primeira actuación a realizar será a rehabilitación integral da edificación para crear un espazo polivalente na planta baixa, na que quedaría instalado un espazo de museo, con salas de exposición –tanto permanentes coma temporais–, sala de interpretación e espazo para un taller que permita a realización de actividades creativas.
Con este proxecto, o Goberno local consegue, como explica a alcaldesa, un dobre obxectivo “xa que por unha banda dótase á cidadanía dun novo espazo cultural mentres que por outra ponse en valor un inmoble que, de feito, xa é de por si de interese etnográfico porque forma da historia de Redondela”, recalca a rexedora local.
Rivas lembra que o uso para vivenda social do inmoble, outra das alternativas que se estudaba, quedou descartado xa que, por unha banda “o edificio é de titularidade de Patrimonio do Estado e este non permite a súa cesión a terceiros por parte do Concello” e por outra, “ao estar enclavado o inmoble en dominio marítimo terrestre, non permite o seu uso residencial”.