Concello de Redondela

Busca
Pechar esta caixa de busca.
Busca
Pechar esta caixa de busca.

XXXVII Festa do Choco de Redondela

A XXXVII Festa do Choco celebrarase en Redondela do 10 ao 12 de maio. Na presentación do evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, participaron a alcaldesa, Digna Rivas, a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, así como unha representación da Confraría de Redondela e dos hostaleiros e hostaleiras que ofrecerán durante estas xornadas este exquisito cefalópodo elaborado con diferentes preparacións. Na presentación participaron tamén algúns dos hostaleiros que fundaron esta festa, como Manolo Conde e José Manuel Durán.

Esta edición conta cunha ampla e variada programación cultural, na que o público poderá desfrutar de actuacións musicais, baile e actividades variadas durante os tres días de celebración. “Por suposto, durante estas xornadas, o noso protagonista será o Choco de Redondela, o noso produto por excelencia, o mellor choco do mundo, capturada nas augas da Enseada de San Simón”, explicaba Digna Rivas. Un ano máis, e xa van catro, repítense as Xornadas Gastronómicas do Choco, nas que participan diferentes establecementos da vila do 6 ao 12 de maio. Tanto na carpa do campo da feira como nos locais de hostalaría, Redondela ofrecerá estes días as mellores receitas preparadas con mimo, pratos que queren mostrar a tradición e a innovación, con pratos típicos como a empanada de millo, o arroz con chocos ou os choquiños na súa tinta e tamén propostas orixinais como o pan bao de choco ou a pizza de choco.

Entre os participantes desta edición da Festa do Choco atopamos na carpa a: VIGO E OS CATRO ELEMENTOS, RESTAURANTE O TRANQUILO, RESTAURANTE CASA CHANO, PANADERIA LUISA, PANADERÍA ALEJANDRA, PALADARQUESO e ANAQUEL GOUMERT.

Os establementos que participan nas IV Xornadas Gastronómicas son NOVO ROYALTY, A COVA, PIZZERIA BOS AIRES e PAPAGAIO BISTRÓ.

A rexedora destacou tamén a participación do alumnado do Obradoiro de Hostalaría “Redondela TIC III”, que serán os encargados dun “Showcooking” o sábado, onde amosarán en directo a elaboración de varios pratos. “Deste xeito poñemos tamén en valor o traballo dos nosos mozos e mozas, que se están a formar para ser os futuros profesionais da hostalaría de Redondela”, engadiu Rivas.

Igual que nos últimos anos, a empresa local Eurored é a encargada de engalanar as rúas para a celebración con redes e outros aparellos mariñeiros. Digna Rivas destacou o traballo que fai Eurored neste sentido e agradeceu “aos seus propietarios e ao seu director a colaboración e axuda que nos adican cada ano”. Para rematar, Digna Rivas quixo “agradecer a todas as persoas que fan posible esta festa, xa que a colaboración entre a veciñanza, os negocios locais e o Concello é moi importante para que esta festa gastronómica sexa un éxito e consolide a Redondela como un referente na promoción dos produtos do mar galegos”. “O choco é o produto de Redondela por excelencia, somos coñecidos como choqueiros e choqueiras en todo o mundo, e iso é posible grazas ao gran traballo dos mariñeiros e mariñeiras da Confraría de Redondela que traen do mar este excelente produto”, engadiu Rivas.

Como complemento a exaltación gastronómica do choco de Redondela, a festa conta cunha ampla programación de actividades paralelas. A música tradicional estará presente coas actuacións de grupos como Airiños de San Simón, Tanto os Ten e O Carballo das Cen Pólas. Non faltará a verbena,que arrancará xa o venres coa gran orquestra Combo Dominicano e o domingo Gran Parada. A aposta musical para a noite do sábado pasa por U2 Zen Garden, grupo italiano considerado o mellor tributo á banda irlandesa. Outras propostas locais como a Orquestra de Saxos, a Banda de Música de Chapela, a Rondalla de Redondela e a sesión DJ con Rodri Vegas & Enter completan a oferta musical “que aposta polo talento local e galego, como facemos sempre, porque temos moitos e moi grandes artistas”, apuntou Rivas.

Programación XXXVII Festa do Choco

Venres 10

  • Ás 19.30 horas terá lugar a inauguración e apertura da carpa de degustación.
  • Ás 20.00 horas poderase gozar co concerto da Orquestra de Saxos.
  • Ás 23.00 horas, verbena amenizada pola orquestra Combo Dominicano no campo da feira.

 

Sábado 11

  • Ás 10.30 horas procederase á apertura da carpa de degustación.
  • Ás 12.30 horas terá lugar a actuación do grupo de baile e gaitas Airiños de San Simón. Ás 13.00 “Showcooking” a cargo do alumnado do Obradoiro de Hostalaría e Comunicación “Redondela TIC III”
  • Ás 16.30 horas terá lugar a X Scooterada Vespartana. Saída da praza de Ribadavia.
  • Ás 20.00 horas concerto na carpa do campo da Feira do grupo Tanto Nos Ten
  • Ás 23.00 horas o campo da feira acollerá o concerto de U2 Zen Garden
  • Ás 01.15 Sesión DJ no campo da feira con Rodri Vegas & Enter

 

Domingo 12

  • Ás 10.30 horas procederase á apertura da carpa de degustación.
  • Ás 11.30 horas pasarrúas coa Banda de Música de Chapela
  • Ás 12.30 horas terá lugar a lectura do pregón a cargo do actor, cómico e presentador Rafa Durán
  • Ás 13.00 horas, actuación do grupo de gaitas do Carballo das Cen Pólas na carpa do campo da feira.
  • Ás 18.00 horas terá lugar o concerto da Rondalla de Redondela na carpa
  • Ás 21.00 horas concerto da orquestra Gran Parada no campo da feira

 

Rutas en barco: viaxes á illa de San Simón e visita á illa.

O sábado e o domingo organízanse viaxes á illa de San Simón ao prezo de 5 euros.

Horarios sábado día 11

  • Ás 12:00 h saída dende o peirao do museo Meirande
  • Ás 16:30 h saída dende o porto de Cesantes.
  • Ás 17:30 h dende o porto de Cesantes.

 

Horarios domingo día 12

  • Ás 12:00 h saída dende o peirao do museo Meirande
  • Ás 16:00 h saída dende o porto de Cesantes.
  • Ás 17:00 h dende o porto de Cesantes.

 

Venta de entradas no museo Meirande (986 458 891) e na oficina de turismo de Redondela (986 101 713). En caso de esgotarse as prazas a navieira ofertará novas visitas a través da súa páxina web www.crucerosangel.com

Compartir