Concello de Redondela

Busca
Pechar esta caixa de busca.
Busca
Pechar esta caixa de busca.

«A biblioteca que viaxaba no tempo»: Olga Abad achega un contacontos para o público máis cativo na Biblioteca Xela Arias

ImagenNoDisponible

Contacontos

No mes de abril sempre estamos a tope nas bibliotecas, pois resulta en ser o mes das efemérides máis interesantes a carón do libro e da lectura, como o Día do Libro Infantil e mais o propio Día do Libro.

Queremos facer unha festa arredor dos libros e a lectura, e para iso pensamos no público máis cativo das nosas bibliotecas: as crianzas que, acompañadas das súas familias, descobren por vez primeira as nosas instalacións e o pracer de levar prestados os libros para a casa.

Así que, tralo descanso de Semana Santa, a Biblioteca Xela Arias de Chapela acollerá unha desas actividades que tanto nos emocionan, porque se dirixen aos máis pequechos. Contaremos coa narradora Olga Abad para achegarnos unha historia emocionante: «A biblioteca que viaxaba no tempo».

Mediante técnicas como a narración e o teatro de papel, o espectáculo conta a historia dunha pequena vila onde hai unha biblioteca e un obradoiro. Un día chega unha empresa construtora que transforma o lugar, converténdoo nunha cidade chea de xente moi triste. A bibliotecaria e mais a inventora atoparán nos libros máis antigos da biblioteca as instrucións para facer unha viaxe no tempo na que atopar a alegría para traela de novo á vila.

Un espectáculo pensado en crianzas de entre 18 meses e 4 anos, que terá lugar o venres 22 de abril, ás 18:00 h.

Para participar deberedes inscribirvos na biblioteca:
– Tlf: 986-454-226
– Correo: bibliotecachapela@redondela.gal

Esta actividade realízase dentro do programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia, en cofinanciamento co Concello de Redondela.

 

Compartir