A Senda da Auga de Redondela correspóndese a un camiño accesorio á canle que transportaba auga dende o encoro de Eiras (concello de Fornelos de Montes) para abastecer a cidade de Vigo.
A condución da auga atravesa os concellos de Fornelos de Montes, Soutomaior, Pazos de Borbén e Redondela antes de chegar a Vigo. En Redondela o tramo percorre un total de 23 km. polas parroquias de Chapela, Trasmañó, Cedeira, Negros, Cabeiro, Vilar de Infesta, Saxamonde, Quintela e Reboreda.
Esta ruta ten un gran valor ecolóxico e natural e o seu percorrido amósanos infinidade de paisaxes: dende as terras de cultivo e núcleos poboados, ata zonas de monte con distinta composición (piñeirais, carballeiras, eucaliptos e bosque rupícola asociado aos regatos). Ao ser un camiño asociado a unha tubaxe de tan longo percorrido ten unha característica que o fai único: case non ten pendente, polo que o poden gozar todo tipo de persoas para pasear, andar en bicicleta, correr e tamén persoas con mobilidade reducida. A ruta está ben sinalizada, con zona de sombra, fontes, mesas e bancos.